Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Interese académico, científico ou profesional do título

Nos últimos anos experimentouse o despegue de novas industrias como a audiovisual e un importante crecemento no mercado publicitario. A publicidade contribúe, a través do uso de estratexias e técnicas de comunicación de distinta índole, a formar as opinións de consumidores e cidadáns e, ademais, posúe unha indiscutible incidencia no ámbito económico, social e cultural.

A publicidade ocupa un lugar relevante como obxecto de estudo dentro do campo da comunicación, como demostra a existencia de publicacións como a Journal of Advertising Research, que se edita desde 1960. A nivel nacional, revistas como Pensar la publicidad ou Questiones publicitarias recollen as iniciativas de persoal investigador interesado no fenómeno publicitario.

A maior parte de produción científica desenvolta sobre a disciplina realízase na trintena de universidades que imparten en España estudos de grao e posgrao de Publicidade e Relacións Públicas.

Xunto a escolas e facultades figura un gran número de asociacións e observatorios de ámbito nacional e internacional que elaboran, en maior ou menor medida, informes e análises sectoriais de corte académico, tales como a European Association of Communications Agencies (EACA) ou a Association of European Advertising Agencies (EURADA) ou a Asociación Española de Axencias de Publicidade (AEAP) no noso país.

Esta situación favorece que o sector se vexa beneficiado da existencia dun posgrao que lance ao mercado profesionais capacitados para desenvolver con solvencia a súa actividade creativa.

A capacidade creativa constitúe un aspecto diferencial no desenvolvemento destas estratexias publicitarias encamiñadas á difusión de calquera produto ou servizo. É por iso que o Máster en Dirección de Arte en Publicidade busca ofrecer ás persoas graduadas nesta disciplina, unha formación especializada que lles permita adquirir e consolidar os coñecementos, habilidades e capacidades analíticas e directivas adquiridas durante a súa etapa de grao e que, adecuadamente potenciadas, resultan necesarias para poder desenvolver con solvencia un labor profesional para destacar nun sector competitivo como é o a creatividade publicitaria.

A rápida adaptación académica ás necesidades do mercado laboral e a favorable inserción laboral dos titulados apuntada no citado “Informe final de Avaliación da Titulación de Licenciado en Publicidade e Relacións Públicas (Universidade de Vigo)” ampara a proposta deste posgrao afincado no ámbito da creatividade publicitaria.

De feito, Galicia conta cun importante número de axencias de publicidade que naceron nos últimos anos para dar resposta ás necesidades de moitas empresas que tomaron conciencia da importancia da publicidade como mecanismo para crear e vender a súa propia imaxe, así como a dos seus produtos e servizos. Estas necesidades esténdense tamén ás institucións públicas, cuxo prestixio depende da creación, a través do uso dos medios, dunha opinión pública favorable.

A propia Facultade de Comunicación está a contribuír en gran medida a promocionar o labor das súas persoas tituladas mediante a xestión de numerosos convenios de prácticas que permiten ás organizacións coñecer as posibilidades que lles ofrece contar nos seus persoais con profesionais formados en Publicidade e Relacións Públicas.