Recursos materiais
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación dispón de todos os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento dun mestrado destas características. Existen dúas aulas informáticas equipadas con computadores PC, máis unha aula dotadas con equipos Mac, aínda que esta de recente creación e aínda de reducidas dimensións.
Ademais existen dous estudios de televisión e estudos de posprodución cos equipos e o software de última xeración, un estudo laboratorio de fotografía, varios estudos de radio e un alto número de aulas e seminarios.
O mestrado conta cunha aula asignada de maneira permanente, o Seminario 12, que se atopa na terceira planta e dispón de mesas moi amplas, para os distintos talleres, como o de caligrafía, que poden ser situadas en círculo para calquera outro tipo de actividade participativa.
En todo caso, é necesario que o estudantado traia o seu propio computador portátil, xa que as diferentes actividades propias dun posgrao destas características, xeralmente comezan en clase pero han de terminarse en casa. Ademais, aconséllase ter instalado o paquete Adobe (Ai, Id, Ps).
Como xa se mencionou, o grao de satisfacción do PDI en relación cos recursos de apoio ao ensino, segundo a enquisa de satisfacción do curso 2011/2012, aparece valorado favorablemente.
Cabe destacar a preocupación do decanato do centro, por ir renovando equipos cada ano e incorporando materiais que se correspondan coas necesidades de todas as titulacións que se imparten no mesmo.
Recursos e PAS
Tamén convén destacar o alto grao de participación e calidade na resolución de situacións de apoio, que achega o PAS (Persoal de Administración e Servizos) do centro, que facilita as demandas administrativas do alumnado e a óptima xestión do orzamento da titulación.
Este ano, ademais, cabe destacar a excelente disposición do Administrador de campus, co que se tivo unha primeira reunión para tratar de modificar as diferentes partidas do orzamento. Posteriormente, tras un exhaustivo estudo dos gastos das tres primeiras edicións, o coordinador do máster presentoulle unha proposta de modificación das partidas orzamentarias máis realista e na que se contemplaban exactamente os gastos que se producen. O Administrador atendeu ao 100% nosa solicitude e, con iso, mellorarase a xestión do orzamento de maneira definitiva.
Valoración dos recursos polo alumnado e o PDI
Na Enquisa Oficial de Satisfacción coas titulacións, que realiza a Universidade de Vigo, tanto os estudantes como os docentes, valoran favorablemente os recursos de que se dispón para o desenvolvemento das clases teóricas, das clases prácticas e das actividades en estudos ou laboratorios. Os resultados concretos pódense ver no apartado “Calidade”.
O sistema de reservas informáticas de laboratorios e equipamentos, posto en marcha o curso anterior, revelouse como un excelente mecanismo, cun funcionamento que simplificou notablemente os procesos, reduciu nun 90% os conflitos derivados das necesidades de uso por máis dun docente e permitiu un mellor control do uso do material.
Nesta páxina web, fíxose un esforzo, didáctico e gráfico, para indicar ao estudantado do mestrado, de maneira explícita, as instalacións dispoñibles e a súa localización no edificio. Ben é certo que é unha facultade pequena na que non é complexo atopar as cousas, pero entendemos que é unha forma de facilitar a actividade académica do estudantado.